Un artigo en galego para falar dun libro que tenta explicar Galicia aos non galegos? Isto empeza a soar complicado pero, lectores -se queda algún despois deste comezo-, teño o permiso do editor. Aínda máis, foi el o que me meteu nesta zarapallada de facer un artigo en galego para Kopek.
Imos empezar polos tópicos, esas ideas que se repiten con frecuencia ata constituírense como verdades universais. A ver, se nos atopades nunha escaleira, non sabedes se subimos ou baixamos. Pois se queredes sabelo, por que non preguntades? Ai, as preguntas. Iso lévanos a outro. Sempre contestamos cunha pregunta. E logo? É para ampliar información e podervos dar unha resposta máis concreta. Se chega. Porque os non galegos tendedes a perder a paciencia e o interese antes de acadala. Así probamos que non estabades tan interesados ao facer a pregunta.
Miguel-Anxo Murado, xornalista e escritor, decidiu aclarar estas e outras ideas que circulan sobre os galegos publicando no ano 2008 Otra idea de Galicia, un ensaio en castelán sobre a xeografía, historia, política e socioloxía dunha das comunidades históricas máis descoñecidas. Fíxoo en apenas 200 páxinas e 11 capítulos, para que despois digades que non somos fáciles de entender.
Non agardedes unha historia científica e detallada. É máis ben un paseo pola Galicia de todas as épocas, que foi conformando a Galicia de hoxe. Pero trátase, sen dubida, dun bo xeito de empezar a coñecernos e de excitar a curiosidade pola nosa forma de ser e de estar no mundo.
E como nós tamén queriamos saber como somos e as ventas do libro se dispararon en Galicia, o autor decidiu abordar unha versión en galego, que se deu ao prelo no ano 2013 e na que Miguel-Anxo Murado non fixo grandes modificacións: “Ao primeiro, pensei que esa edición debía implicar cambios no texto para adaptalo a un público ao que non hai que explicarlle quen era Castelao ou que Meira está en Lugo. Porén, ao final cheguei á conclusión de que era mellor traducir o texto tal como está, en parte por preservar a unidade do texto, pero sobre todo, precisamente, porque o valor que poida ter este libro está nesa certa distancia e nese non dar nada por suposto”.
Así que se vos adentrades nesas páxinas poderedes aclarar algunhas dúbidas sobre esta terra do nordeste peninsular, cabalgada enriba de Portugal e separada do resto do país por un pano de grelos que, se queredes que vos confese un segredo, non temos moito interese en correr.
Poderedes descubrir, por exemplo que non sempre chove; que a paisaxe non é virxe senón unha das máis humanizadas de Europa. Descubrir na emigración unha saída á fame e á falta de oportunidades, pero tamén nun xeito de investigar que hai máis alá da terra que inventou a morriña. E a razón pola cal “gran parte de Galicia ten sucedido fóra de Galicia”. Saber do noso nacionalismo, resultado máis das humillacións ca do orgullo.
Os romanos pensaron que eramos a fin do mundo. Eles, sempre tan egocéntricos. Quizais vistos desde o Mediterráneo somos un finisterrae. Pero no Atlántico, as nosas relacións comerciais e culturais con bretóns e ingleses, moi anteriores á chegada dos invasores, desmenten o noso suposto illamento. E explican o mito dos pobos célticos.
“Como sentenciaba con desgusto un deputado da CEDA en tempos da Segunda República: Galicia ten unha xeografía separatista”. O autor chega despois á conclusión de que o mesmo se pode aplicar á economía galega. Tamén o é. Separatista. Por se vos sorprende, Galicia tivo industria moito antes que outras comunidades. Pero linchar ao noso emprendedor máis recoñecido no século XVIII non foi un bo xeito de consolidar o desenvolvemento industrial. A moda, a conserva e a madeira son, non por casualidade, as herdeiras de antigas tradicións rurais nas que aínda segue a despuntar Galicia.
Ao mellor non inventamos o caciquismo, pero na nosa distribución territorial e social atopou o mellor caldo de cultivo para medrar e perpetuarse, ligado a ese suposto conservadorismo que nos adorna. E se queredes saber porque as cunchas de vieira son o símbolo do Camiño, ou porque “os galegos eran os subsaharianos do século XVII”, e cando tivo Galicia superpoboación só tedes que achegarvos a esta “Outra idea de Galicia”. E despois, visitádenos e preguntade. Igual, se tedes paciencia, vos contamos algunha cousiña.
Comentarios sin respuestas